Volver

Melloras no servizo de Bicicoruña

Gabriel Gabriel  •  02/10/2023  •  Toda a cidade  • 

Bicis no Parrote
Bicis no Parrote

Código proposta de investimento: 4714

O servizo de Bicicoruña mellorou nesta reforma bastante pero aínda así hai pequenos detalles que creo que poderían mellorar dito servizo:

  • Instalación de marquesinas para protexer as bicis da choiva nas paradas onde máis axeitado sexa.
  • Colocación dun mapa coa rede ciclable e as estacións da cidade nas paradas. Faríase tamén un folleto con esta información xunto con normas básicas de circulación e uso que se repartiría entre os usuarios.
  • Integración en apps de mobilidade. (É suxestión, non investimento)
  • Mellora da cesta e posibilidade de engadir un soporte para móbiles.
  • Instalación de áreas de mantemento de bicicletas como a de Novo Mesoiro nas estacións máis relevantes, creando así unha rede de áreas de este tipo pola cidade. Ademáis en Arteixo vai comezar a funcionar en breves un servizo de préstamo de bicicletas, polo que sería convinte facer estacións de intercambio entre ámbolos dous sistemas xunto cunha integración tarifaria. Habería que acordar o mesmo cos outros concellos da área metropolitana por se teñen pensado reactivar o servizo (no caso de Culleredo) ou instalalo (Oleiros). En grandes eventos cunha demanda alta coma partidos ou concertos poderíanse habilitar estacións portátiles. E por último, fai unhas semanas o concello sacou a licitación o proceso de ampliación do sistema polo que algunhas estacións EXTRA DAS LICITADAS (esas xa teñen un presuposto e estes cartos dos participativos son para proxectos que non o teñen) poderían ser as seguintes, seguinda esta orde de importancia para a instalación. 1) Zonas fronteirizas para facer transbordo con buses interurbanos ou bicis doutros municipios: Rotonda de San Xosé/Meicende, A Pasaxe (Baixo a Ponte onde o carril bici con acceso do furgón pola Conxeladora ou no paso de peóns no cruce da Avda da Pasaxe coa carretera á Conxeladora). 2) Zonas con alta demanda de usuarios e estacións a máis de 300m: Os Mallos (P.ex: Praza de San Vicente), Praza da Gaiteira, Praza da Concordia, A Sardiñeira (Dando servizo a institutos, centro cívico, deportivo e de saúde), Lonzas, San Pedro de Visma, Agrela Oeste (P. Ex: Severo Ochoa-Newton), O Martinete, bloques máis ao Oeste de Novo Mesoiro, Xuxán Norte e Sur, Montealto Domus/Praza Indalecio Prieto (Xa que a ubicación da actual é provisional), Materno 3) Zonas con demanda pero necesaria melloras de accesos en bicicleta: Fábrica de Armas/Pedralonga, Palavea, Feáns, Obradoiro, Breogán, Ultreya, O Carón, As Rañas, POCOMACO (Nos terreos de dominio público). 4) Zonas de Ocio mal comunicadas: Praia de Bens (Pode ser fronteiriza), Parque de Bens, Monte de San Pedro, Campos de Visma.

Documentos (3)

Informe de custo

Das propostas solicitadas, hai varias delas que non son investimento e que se remitirán á empresa municipal encargada de prestar e xestionar o dito servizo. Aínda así, formúlase resposta a todas elas: Instalación de marquesiñas: non é necesario protexer as bicicletas nin as estacións da choiva xa que teñen un tratamento especialmente resistente fronte as inclemencias climatolóxicas. Proba disto é que levan case ano e medio na rúa e non presentan corrosión nin ningún dano por este motivo. Ademais de non necesarias, o custo de mantemento destas cubricións ou marquesiñas sería considerable. Non obstante, a proposta sería viable supoñendo un importe aproximado da inversión de uns 4.100€ IVE incluído por marquesiña (3 metros de lonxitude) e aproximadamente 1.000€ IVE incluído máis para a súa instalación. Tendo en conta que as estacións teñen de media 13 metros de lonxitude, serían necesarias 4 marquesiñas para cada estación. Proponse a cobertura de catro estacións de Bicicoruña a modo de piloto para avaliar a mellora que se poda obter para o servizo. Colocación dun mapa coa rede ciclable e as estacións da cidade nas paradas e folletos informativos e integración con outras apps de mobilidade: na app do servizo e na web está colgada toda a información das estacións de Bicicoruña co seu estado e número de bicicletas dispoñibles, polo que non se considera necesario colocala nas estacións. Non hai información sobre a rede de carrís bici polo que solicitouse dos servizos técnicos municipais a súa integración con outras app municipais de mobilidade. Non se estiman necesarios folletos en formato papel. Esta proposta é unha suxestión e non supón investimento. Mellora da cesta e posibilidade de engadir un soporte para móbiles: o fabricante do sistema de xestión do servizo incluído o modelo de bicicleta, non ten aínda outro modelo de cesta dispoñible ou de soporte para móbiles. Parece que no caso do soporte hai un modelo xa en probas, pero de momento non é posible adquirir outros modelos. Esta proposta non é viable. Instalación de áreas de mantemento de bicicletas como a de Novo Mesoiro nas estacións máis relevantes: considérase a posibilidade de construir catro estacións de lavado e mantemento de bicicletas como a xa implantada en NovoMesoiro. Integración coas estacións de préstamo de bicicletas co Concello de Arteixo e integración tarifaria: non se coñece se o Concello de Arteixo vai adquirir e implementar o mesmo sistema de xestión do servizo. No caso de ser así podería estudarse a integración. Esta proposta é unha suxestión e non supón investimento. Propostas de localizacións das novas estacións que se van a adquirir polo Concello: realizaranse segundo as demandas da poboación e a conexión de centros de interese. Esta proposta é unha suxestión e non supón investimento.

Non hai fitos definidos