Na Coruña Contas é unha plataforma de participación cidadá

Que son os Orzamentos Participativos?

Os Orzamentos Participativos son unha ferramenta para que os veciños e as veciñas da Coruña decidan libremente e de maneira directa en que empregar unha parte do orzamento do seu Concello.

A cidadanía propón proxectos de investimento que son preseleccionados nunha fase de apoios cidadá, logo son avaliados polo persoal técnico do concello e, finalmente, chegan a unha fase de votación final. Os proxectos máis votados pola cidadanía pasan a formar parte do proxecto inicial do orzamento xeral do ano seguinte.

Quen pode participar?

Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poderán propoñer, apoiar e votar propostas.

A presentación de propostas poderá facerse de varias maneiras:

  1. Nesta mesma páxina web, sendo necesaria a verificación dunha conta de persoa usuaria que requirirá os seguintes datos: nome e apelidos, data de nacemento, número de DNI, código postal, un enderezo de correo electrónico e un teléfono (este dato non é obrigatorio).
    Se xa participaches nos Orzamentos Participativos nalgunha edición anterior, non terás que verificar a túa conta de persoa usuaria pois permanece activa para as seguintes edicións.
    Se esqueciches o teu nome de usuario/a ou a túa contrasinal, ou precisas solucionar outros problemas de acceso, ponte en contacto con nós chamando ao 010 ou a través do correo presupostos.participativos@coruna.gal
  2. De xeito presencial nos rexistros municipais, completando un formulario específico que poderás atopar de maneira física nas oficinas de rexistro, ou tamén podes descargalo aquí.
    Ademais, estará dispoñible un servizo de axuda persoal en varios puntos de apoio presencial: os Centros Cívicos Municipais, as Bibliotecas Municipais da Coruña, o CMIX, e a Federación de Asociacións de Veciños de A Coruña e Área Metropolitana. Nestes lugares haberá persoal especializado que prestará o apoio preciso para garantir a participación de xeito rápido e sinxelo.

Cales son as fases do proceso?

  1. Presentación de propostas.
  2. Apoios ás propostas.
  3. Avaliación das propostas máis apoiadas.
  4. Votación final.

Que podo propoñer?

Poderás facer propostas de investimento que consideres importante que o concello leve a cabo, tanto para toda a cidade como nos distritos censuais.

Lembra que para que a túa proposta sexa válida, ten que cumprir os seguintes requisitos:

  • Ser un investimento: basicamente todo o que o concello pode construír ou adquirir que teña unha duración superior a un ano, que non se consuma co uso, que se poida inventariar e que non sexa un gasto previsiblemente reiterativo.
  • Ser competencia do concello: hai gastos que son competencia da Xunta de Galicia ou da Administración do Estado e que os concellos non poden facer.
  • Ser legal: estudarase se hai algunha normativa contraria á proposta ou se non favorece o ben común.
  • Ser viable tecnicamente: tamén se estudará se existe algún impedimento técnico para levar a cabo a proposta. Cando a valoración dunha proposta requira estudos previos, non se declarará inviable. Neste caso, o custo total previsto incluirá o de facer ese estudo previo e, advertirase no propio informe que a viabilidade final da proposta dependerá do resultado dese estudo.
  • Que o seu custo non supere o límite establecido para as propostas de cidade e para as dos distritos censuais.

Podemos investir para estes fins: educación, coñecemento, culturas, deportes, promoción social, igualdade, diversidade, innovación democrática, participación, mobilidade, tráfico e transporte, infraestruturas, medio ambiente, coidados e servizos sociais, turismo, emprego, economía social, promoción económica, saúde e consumo, seguridade cidadá, etc.

Algúns exemplos de investimentos:

  • Creación de novas infraestruturas: sendas peonís, urbanizacións viarias, sinalización inclusiva, sendas seguras, carrís bici, mobiliario urbano, iluminación, parques, zonas axardinadas, árbores e xardineiras, fontes, baños públicos, rede de sumidoiros, iluminación pública, infraestruturas de xogo, etc.
  • Reposición de infraestruturas: reutilización de espazos, adecuación de soares, remodelación de viais e da súa sinalización, reforma de iluminación, remodelación de parques, remodelación de parques infantís, zonas verdes, reposición de fontes, reposición de mobiliario urbano, de equipamentos deportivos, etc.
  • Construción ou reforma de edificios e infraestruturas sociais: equipamentos para a infancia e a mocidade, espazos culturais e artísticos, espazos para maiores, instalacións deportivas, mercados, equipamentos para usos interxeracionais, remodelación de edificios públicos para novos usos, etc.
  • Adquisición ou reposición de elementos de transporte: vehículos para bombeiros, policía, etc.
  • Elementos de software e hardware: aplicacións, plataformas dixitais, equipos informáticos, etc.

NON son propostas viables:

  • Por non ser competencia do Concello:
    Construción de colexios, centros de saúde ou institutos; infraestruturas de estradas de acceso á Coruña e ferrocarril; investimentos en soares ou terreos non municipais; comisarías; etc.
  • Por non ser un investimento, senón un gasto corrente:
    Contratación de persoal; mantemento e conservación de edificios, vehículos e mobiliario; contratación de empresas e persoas autónomas para a realización de traballos e servizos; alugueiros de edificios, vehículos, mobiliario ou maquinaria; subministracións: vestiario, combustibles, enerxía eléctrica, gas, alimentos, etc.; servizos de limpeza e contratación de persoal para limpeza; mantemento; conservación ou limpeza de edificios e parques, etc.
  • Por non ser un investimento, senón unha subvención:
    Subvencións e axudas a familias, institucións sen ánimo de lucro, fundacións, empresas privadas, etc.; concesión de bolsas, premios, asistencia benéfica, etc.
  • Por ser decisións administrativas que implican un gasto non definido e cuantificado, e que, a priori, suporía un maior gasto que non sería investimento, senón corrente:
    Ampliación do horario do servizo de autobuses ou modificación de rutas

Como fago a miña proposta?

A través desta páxina web, ou de maneira presencial nos rexistros de María Pita, Ágora e Fórum, podes presentar tantas propostas como queiras, tanto para toda a cidade como para os diferentes distritos censuais.

Antes de presentar as túas propostas, podes botar un ollo ás que xa presentou o resto da cidadanía para evitar duplicidades. Podes saber se hai propostas similares á túa filtrando polas etiquetas de categorías.

Para cada proposta tes que escribir un título e unha descrición:

  • O título debe de levar os datos máis representativos da túa proposta, pois vai ser o que a cidadanía vexa e busque á hora de apoiar.
    Exemplos: "Instalar fontes con bebedoiro inferior para cans", "Instalación de máquinas de exercicios biosaudables na Praza Pablo Iglesias", "Carril bici entre a fonte dos surfistas e o Aquarium".
  • Para a descrición terás un espazo limitado de 900 caracteres. Canto máis detallada sexa a túa descrición (que queres, cantas unidades, onde o queres...), máis doado será para o concello avaliar e orzamentar a túa proposta e para a cidadanía decidir apoiala e votala.

    Exemplos: "Instalar fontes ou adaptar as existentes con bebedoiros inferiores para os cans no Paseo Marítimo, Parque da Torre, Parque de Santa Margarida e Parque de Bens", "Entre a fonte dos surfistas e o Aquarium, cómpre facer un carril bici no tramo onde non hai e mellorar o tramo existente, pois o enlosado fai que as bicis vaian dando botes e hai demasiados obstáculos (bancos, papeleiras, etc.)", etc.

Terás tamén que indicar unha localización, o máis concreta posible.

Ten en conta que se a túa proposta é moi xenérica (ex.: "máis árbores nas rúas", "máis baños públicos na cidade", "iluminación led no meu distrito"...) e non limitas a cantidade, automáticamente o equipo técnico fará unha avaliación razoable o máis axustada posible á natureza da proposta, establecendo no custe un límite máximo.

Para resolver todas as dúbidas que poidas ter, consulta o apartado de preguntas frecuentes.

Como é o proceso?

O procedemento está divido en catro etapas:

  1. Fase de presentación de propostas.

    Para debater sobre as necesidades dos distritos e da cidade e informarse sobre a metodoloxía do programa e as posibilidades de participación, as entidades do REMAC poden solicitar a organización de encontros presenciais que serán organizados polo concello en espazos municipais como centros cívicos ou bibliotecas. Tamén, as entidades veciñais, sociais e culturais da cidade poderán organizar, se o desexan, os seus propios encontros. Neste caso, o concello proporcionaralle á entidade organizadora a formación e a documentación coa metodoloxía necesaria para facilitar o seu desenvolvemento e colaborará coa difusión do encontro.

    Ademais, co obxecto de chegar a toda a veciñanza da Coruña e garantir a participación da cidadanía, organízanse eventos informativos na rúa, en varios lugares da cidade. Espazos de rúa nos que calquera persoa pode achegarse, informarse e participar utilizando o seu propio dispositivo dixital ou a través de tablets postas a disposición da veciñanza, e co apoio de persoal mediador se fose preciso.

    Durante o prazo de desenvolvemento desta primeira fase, calquera persoa maior de 16 anos e empadroada na Coruña poderá presentar as súas propostas de investimento para a cidade e para os distritos censuais, a través desta páxina web ou nos rexistros municipais.

  2. Apoios ás propostas.

    Neste período desenvólvese unha fase de priorización na que calquera persoa empadroada na Coruña e maior de 16 anos (non é preciso que participase na fase anterior de achegas) poderá apoiar as propostas que elixa para toda a cidade e para un total de tres distritos censuais da súa elección. É importante participar nesta fase porque só as propostas máis apoiadas pasarán á seguinte fase de avaliación e á votación final.

  3. Avaliación das propostas.

    As propostas máis apoiadas serán avaliadas polo concello para confirmar que son válidas e viables e poden ser incluídas no capítulo de investimentos do orzamento para o 2024 do Concello da Coruña, ademais de realizar un orzamento estimativo do custo económico de cada proposta. Aquelas que non encaixen no capítulo de investimentos, que o seu custo supere o orzamento previsto, non entren no ámbito competencial do Concello, sexan contrarias á normativa de aplicación ou inviables tecnicamente serán excluídas.

    Ao finalizar o período publicaranse todas as propostas, tanto as aprobadas como as rexeitadas, cos seus informes e valoracións correspondentes.

  4. Votación final.

    Todas as persoas empadroadas na Coruña e maiores de 16 anos poderán votar nesta fase final. Cada persoa pode votar unha ou varias propostas para toda a cidade e unha ou varias propostas ata o importe total asignado a cada distrito censual, nun máximo de tres distritos da súa elección. As propostas votadas co seu custo visualízanse nunha barra e pódense modificar en calquera momento ata que remate a fase de votación, incluso cancelar os votos dalgún ou de todos os distritos elixidos para votar noutro/s distinto/s.

    Poderase votar a través desta páxina web ou de maneira presencial en mesas de votación presencial en urnas que se instalarán en varios puntos da cidade.

    Rematada a votación, ordenaranse as propostas da máis á menos votada para toda a cidade e para cada distrito, e seleccionaranse as máis votadas ata o límite de orzamento asignado.

    As propostas gañadoras incorporaranse ao proxecto inicial do Orzamento Xeral do Concello da Coruña de 2024 para a súa aprobación pola Xunta de Goberno Local.

    O Concello da Coruña resérvase o dereito de incluír, ademais das gañadoras, algunhas outras propostas que se consideren de especial relevancia e interese para a cidade ou algún dos barrios.

    Aprobado o orzamento polo Pleno, publicarase cada un dos proxectos seleccionados coa descrición das actuacións e das fases nas que se atopen, de xeito que se permita entender de maneira sinxela a evolución de cada un deles.

    Ademais, para garantir a máxima participación da cidadanía durante todo o proceso, o equipo técnico dos servizos implicados, na medida das súas posibilidades, se reunirá coas persoas autoras das propostas gañadoras para definir e axustar os proxectos o máximo posible á idea que tiñan en mente cando as presentaron.

    A Concellaría de Benestar Social coordinará todo o proceso. Finalizado este, a partir das avaliacións dos seus resultados, promoveranse as modificacións e melloras que se consideren necesarias para desenvolver o proceso do ano seguinte.