Volver

Máis aparcamento, menos ruído, máis seguridade

ClaraVidal ClaraVidal  •  27/09/2021  •  Distrito 6  • 

Código proposta de investimento: 3204

Na zona da Agra do Orzán hai dous problemas que xera o tráfico: ruído e sustos. A rúa Agra de Orzán está tan mal que parecen deformacións tectónicas desintegrándose cando pasas e saltas co carro. As beirarrúas da zona son estreitas, están sucias e apenas permiten pasar con carro de rodas. A miña proposta é redirixir o tráfico dun xeito máis seguro, permitindo facer beirarrúas de tamaños coherentes e permitindo máis zonas de aparcamento, grazas á creación de prazas e evitando duplas fileiras.

  • Agra de Orzán con Ramón María Aller: a dirección de Ramón María Aller debería ser como era antes, que se subas poidas ir á esquerda pola rúa da esquerda. Nese cruce actualmente hai un espello, mais hai freadas e pitos cada dous minutos todo o día porque os carros soben por Agra de Orzán sen tempo a frear se os de Ramón María Aller saltan o ceda ou non ven ben. Se cambian a dirección, afórrase isto.
  • Rúa Laracha debe cambiar de dirección, permitindo que poidas subir dende Ramón María Aller ou continuar até a rotonda do Comercio.
  • A avenida das Cunchiñas debería ter un carril de ida e outro de volta en dous tramos. O primeiro tramo, á baixada e en diagonal, deixando só un lado para aparcar, dende Laracha até o Comercio. Ao ser en diagonal, caben os mesmos carros e permitimos dupla dirección e evitamos duplas fileiras. Tamén así se pode ir dende a Gramela á esquerda (agora conto) ou á dereita; de igual xeito que dende Laracha ao subir co novo sentido da circulación. O segundo tramo, dende Laracha até Meira. Aí podería haber un carril para aparcar en diagonal pegado a unha beirarrúa, outro de ida, un de volta e os taxis. Evitariamos a eterna dupla fila do carril que non se usa para nada máis que para intentar non atropelar á xente que cruza sen mirar.
  • A rúa Meira debería volver a ser de baixada, coa curva final cara arriba, pegada ao edificio da esquina superior Meira-Agra. Desta maneira, habería un ángulo recto de visibilidade para ver aos carros subir pola Agra do Orzán, evitando que os carros teñan sustos, piten a calquera hora e xeren accidentes. Ademais, isto permite a creación dunha gran cantidade de aparcamento agora inexistente, dende esta estrada que vira para arriba até o novo Agra Orzán-Ramón María Aller. Aí hai unha beirarrúa anormalmente grande sen sentido ningún onde non hai máis que carros aparcados arriba, un banco que ninguén usa e un garaxe. Pódense facer 8-10 prazas de aparcamento e separar esa zona de aparcamento da beirarrúa (tamaño normal como Ramón María Aller e Meira, con algo de lóxica) cunha zoniña verde.
  • A rúa Belavista debería ter un lado para aparcar en diagonal, para que entren máis carros e que se evite a dupla fileira.
  • A rúa José Baldomir debería ter un lado para estacionar en diagonal, tamén para evitar duplas fileiras.
  • A rúa Francisco Añón, debería tamén ter un lado para estacionar en diagonal, para que entren máis carros e non se poida aparcar en dupla fileira.

Coido que desta maneira se xera moito máis aparcamento, zonas máis silenciosas, beirarrúas con máis lóxica (a outra opción é amplialas todas, que sería o guai, xerando espazos verdes etc., mais teriamos que ter menos carros que persoas...) e zonas máis seguras en xeral. Conviría tamén facer que as rúas se poidan limpar con máis facilidade, debido a que están sempre cheas de merda, graxa etc. Polo mesmo motivo: son estreitas. Parece que a única rúa que se coida é por onde pasan os autocarros: Vila de Negreira.

É un barrio con posibilidades e que se está deixando perder a unha velocidade vertixinosa. Necesitamos máis aparcamento pacífico e zonas verdes.

Localización: Agra do Orzán e arredores

Informe de inviabilidade

Comunicámosche que a túa proposta foi declarada viable/inviable segundo o seguinte informe do equipo técnico municipal: "Os cambios que se propoñen non necesitan investimento, senón que son todos posibles a través de sinalización horizontal e vertical das rúas e sinalización horizontal das prazas de aparcamento. Estas actuacións pódense realizar co contrato de mantemento, conservación, reposición e nova implantación de sinalización horizontal, sinalización vertical e novos elementos de balizamento. Aínda que non constitúa unha actuación a desenvolver mediante os orzamentos participativos, a Oficina Técnica do Servizo de Mobilidade Urbana realizará un estudo das propostas e levará a cabo as actuacións que poidan supoñer melloras na circulación e aparcamento da zona." Agradecemos a túa participación nos Orzamentos Participativos e esperamos volver contar coas túas propostas na seguinte edición do programa o ano que vén.

Necesitas iniciar sesión ou rexistrarte para comentar.
  • msbrenlla

    Eu engadiría a Rúa Pascual Veiga, onde os peóns teñen que ir en fileira debido a que as beirarrúas son moi estreitas, a parte de estar invadidas polos coches que están a arranxar nos diferentes talleres da rúa ou os que aparcan enriba das zoas peonís.

    2 votos  | 
    2
    0
    Sen respostas
    • Jorge Martínez

      Ademáis, tamén se podería redeseñar os espazos "peonís" ao final da Rúa de Ramón María Aller. Son espazos que en teoría son peonís pero que non teñen ningún uso máis aló de dirixir os carros costa arriba. Redeseñar esa illa para que a curva dende a Rúa Agra de Orzán sexa máis sinxela.

      Ningún voto  | 
      0
      0
      Sen respostas
      Non hai fitos definidos